Persépolis é a historia autobiográfica da iraniana Marjane Satrapi, a historia de como creceu nun réxime fundamentalista islámico que a acabaría levando a abandonar o seu país. O cómic empeza a partir do ano 1979, cando Marjane ten dez anos e desde a súa perspectiva infantil é testemuña dun cambio social e político que pon fin a máis de cincuenta anos de reinado do sha de Persia en Irán e dá paso a unha república islámica.
A historia duns antepasados ilustres (o seu bisavó foi o último rei da dinastía persa dos Qadjar), unha familia que se opón activamente ao goberno do Sha, as manifestacións, a diferenza de clases sociais ou a marxinación da nena son algunhas das pezas do quebracabezas que Marji esfórzase por compor coa intención de comprender o mundo que a rodea. Á vez que vai crecendo, Marjane dáse conta de que o novo réxime islámico polo que loitaron os seus pais caeu en mans dos integristas e que non trae consigo nada bo.
O segundo álbum de Persépolis ocupa o período de 1980 a 1984 e ten como transfondo a guerra entre Irán e Iraq a metade do oitenta e o inicio da súa adolescencia, onde coñeceremos, por exemplo, da súa afección a grupos musicais prohibidos polo réxime islámico, e algúns dos problemas en que se mete xa de ben noviña polo seu carácter rebelde. O terceiro álbum céntrase nas múltiples penurias e peripecias vitais que vivirá a autora en Austria entre 1984 e 1989, onde é enviada a vivir polos seus pais para protexela tanto dos bombardeos como dos problemas legais nos que podería acabar de continuar coa súa conduta, que non sempre se adecuaba aos costumes propugnados desde o goberno islámico. O cuarto e último presentará o seu regreso a Irán, unha época en que realiza os seus estudos de belas artes en Teherán, e tras vivir en Europa varios anos explícanos como ten que volver afacerse novo ás condicións de vida baixo o réxime chiita do aiatolá.
O 27 de xuño de 2007 estreouse en Francia a película que adapta á animación os dous primeiros álbums do cómic, codirigida e coescrita entre a propia Satrapi e Vincent Paronnaud. A animación está realizada enteiramente en branco e negro, e que conta na versión francesa coas voces de Catherine Deneuve (admiradora confesa do traballo de Satrapi) e a súa filla Chiara Mastroianni, nos papeis da nai de Satrapi e da propia protogonista respectivamente. Con motivo da presentación da película dentro da selección oficial do festival de Cannes en maio de 2007 (algo que non sentou ben ás autoridades iranianas). A película conseguiu finalmente o Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes 2007, en Francia nos Premios César de 2008 gañou os premios ao Mellor Primeiro Filme e Mellor Adaptación (e recibiu outro catro nomeamentos) e en EEUU foi nomeado nos Oscars de 2008 ao premio á Mellor Película de Animación (que finalmente gañaría Ratatouile).
No hay comentarios:
Publicar un comentario