23 jun 2010

Semana especial en Animacam: Mulleres Animando

Coinciendo co terceiro aniversario de Animacam, tras o seu nacemento o 23 de xuño de 2008, e para celebrar o solsticio 2010, o tres anos de vida do Festival e o recentemente creado blog Mulleres Animando, dedicamos esta semana Especial á muller animadora, estreando cinco obras creadas e dirixidas por mulleres.

Para todas e todos quen compartides o noso soño de “camiñar xuntos para animar o mundo”, vai unha nova xanela á que asomarnos para homenaxear ás mulleres animadoras (Mulleres Animando pretende ser un espello no que contemplarnos, xa que consideramos imprescindible a mirada feminina para compartir o camiño).

Son cinco obras do trinque procedentes de diferentes países as que forman a carteleira de Mulleres Animando en Animacam.

Yalda Nasirian
(animadora e creadora de personaxes iraniano) preséntanos unha animación que mostra as consecuencias das drogas: Hallucination.

A polifacética artista canadense Elleonora Ventura - creadora, guionista, animadora e deseñora de Ventura Studio- compite coa súa multipremiada obra Crema Suprema (gañadora entre outros do Femme Filme Festival e presente no Cannes Short Film Corner 2009), narra as sabotaxes entre pasteleiros no transcurso dun concurso de cociña.

A directora romanesa Kassay Réka presenta unha animación 2D titulada Bedtime Story - no orixinal, Esti mese-, gañadora no Festival de Piatra 2009, que relata as aventuras dunha familia que é moi afeccionada á torta de mel.

The lost glove é unha animación que nos narra a amizade entre un can e unha nena onde aprendemos unha valiosa lección: “facer as cousas sen esperar nada a cambio pode resultar moi gratificante”. Creada e escrita por Justina Švambaryte, unha muller lituana, que, con tan só 22 anos, xa realizou dúas obras de animación.

Finalmente, a artista de orixe búlgara Borislava Zahova - que participou nesta edición de Animacam coa súa obra experimental Meaning- móstranos o filme Open coa filosofía: aberto para o cambio, aberto para o novo.

Agardamos a vosa participación en Mulleres Animando e insistimos en que aquí teñen cabida non só proxectos actuais realizados por animadoras, senón tamén calquera proxecto producido ao longo da historia da animación, para crear un punto de encontro online a nivel internacional.

Desexamos que esta nova iniciativa sexa de voso agrado.

Moitas grazas polo voso apoio e confianza

Saúdos afectuosos e animados

Equipo Animacam

Mail: info@animacam.tv
Páxina web: http://www.animacam.tv
Blog oficial: http://mulleresanimando.blogspot.com
Grupo en Facebook:
http://www.facebook.com/#!/group.php?gid=125320004167166&ref=ts

No hay comentarios:

Publicar un comentario